Día Mundial do Medio Ambiente

C

ada hora que pasa, mil toneladas de plástico van dar aos océanos. O equivalente a un camión cheo de plástico por minuto! Porque é artificial, invasora, contaminante e ten unha vida moi longa, esta ‘especie’ merece ter os días contados.

Os plásticos representan o 80% do lixo que hai nos océanos. Alén diso, todas as evidencias parecen indicar que existe unha relación entre a presenza de microplásticos nos océanos e moitos problemas de saúde. As algas, os peixes e moitas especies xa se están a ver afectadas. E o máis probable é que nós, os humanos, xa esteamos tamén a sufrir as consecuencias desta contaminación…

Se os peores prognósticos se cumprisen, en 2050 o peso do plástico nos océanos superaría o dos propios peixes; non en van, calcúlase que uns 8 millóns de toneladas dese material -do cal a metade é dun só uso- acaban cada ano no ecosistema mariño. Este libro é unha guía que presenta a ficha científica desa “especie invasora” que urxe erradicar.

A autora e promotora do proxecto «Plasticus maritimus», Ana Pêgo, medrou á beira dunha praia, observando, aprendendo e apreciando
a súa biodiversidade, forxando a activista na que se converteu como beachcomber nunha rede internacional de expertos que axudan a identificar os plásticos recollidos. Dende os obxectos nos que queda atrapada a fauna mariña ou intoxicada pola súa inxesta ata os microplásticos de menos de 5 mm. que se introducen na cadea trófica, esta obra alerta sobre un tipo de contaminación que xa formou a súa propia illa no Pacífico.

Ademais de cuestionar certas ideas sobre a reciclaxe, ofrecer consellos para facer unha saída á praia, sinalar os elementos máis comúns e os máis perigosos de cantos abundan ou destacar exemplos de boas prácticas no mundo na loita contra o plástico, este libro resume en 7R’s as medidas necesarias para xerar conciencia social e actuar.

Co apoio de Isabel Minhós nos textos, a obra complétase coas ilustracións de Bernardo Carvalho, que sorprenden pola súa sinxeleza e efectismo: debuxos con lapis de cores, e chamativo cromatismo e feitura esquemática.